Skip to main content

Marco conceptual e situación do cambio climático

5. Consecuencias do cambio climático 1

5.11. Conclusión

O Cambio Climático é pois un feito irrefutable, con impactos que son xa moi importantes. Sabemos que un quecemento global medio na superficie terrestre superior aos 2º C provocará moi probablemente efectos irreversibles nos ecosistemas, e polo tanto nas sociedades humanas, incluíndo a economía e a saúde. O cambio climático é un problema intimamente ligado ao desenrolo, asociado ao noso modelo de crecemento baseado na queima de combustibles fósiles e patróns de consumo e produción pouco eficientes considerando un punto de vista enerxético.

 

A magnitude do reto tanto desde a perspectiva económica como desde a perspectiva tecnolóxica e cultural non pode ser  infravalorada. A era de utilización dos combustibles fósiles veu acompañada de taxas de crecemento do PIB, e de niveis de vida moi importantes e a aspiración do mantemento e xeneralización de altas cotas de benestar debe facerse compatible coa necesidade de reducir as emisións de aquí a 2050 a un nivel compatible co obxectivo de non incrementar en máis de 2º C a temperatura media da superficie do Planeta. Non é de estrañar, por tanto, que a pregunta acerca de cales van ser as implicacións económicas e sociais do cambio de modelo apareza con forza no debate actual.

 

As fontes dos gases de efecto invernadoiro ( GEI) son múltiples: queima de combustibles para xeración de electricidade, transporte, procesos industriais, agricultura, turismo, vivenda... As emisións destes gases están profundamente ligadas ao noso modelo de sociedade e o noso consumo enerxético e non adoitamos ser conscientes da multitude de actos cotiáns asociados a emisións de gases de efecto invernadoiro.

 

 Entre as dificultades que comporta o facer fronte ao cambio climático está o seu carácter global e a desconexión territorial entre emisións e impactos. Os efectos das emisións sobre o sistema climático son independentes do país onde se atopa a fonte emisora. Ou dito con outras palabras, as emisións duns prexudican a todos, e as medidas de limitación das emisións benefician a todos, independentemente de quen faga o esforzo. É imposible atallar o problema sen a participación de todos.

 

Por todo iso, resulta fundamental que todos os países se póñan de acordo e actúen de forma coordinada, cada cal conforme ás súas circunstancias e responsabilidades. Con todo, a necesidade de dispoñer dun acordo multilateral non ten que ser un obstáculo para a acción nacional e local. Pola contra, constitúe unha condición necesaria cando os ámbitos de decisión están descentralizados.

 

A adopción de políticas fronte ao cambio climático, se están ben deseñadas, permite, ademais, alcanzar outros moitos obxectivos de política ambiental, económica ou de promoción da competitividade das nosas empresas e creación de novos postos de traballo. Un mellor coñecemento dos efectos, incrementa a solvencia das decisións sobre a xestión dos bosques, agricultura, recursos hídricos, o litoral e os ecosistemas, mellora a calidade e a fiabilidade das infraestruturas ou facilita o acerto das decisións económicas promovendo a aparición de novas actividades e novos nichos de mercado en sectores moi diversos, incluído o enerxético.