Para España é prioritario e imprescindible dispoñer dos mellores escenarios rexionalizados posibles de cambio climático futuro, con obxecto de poder realizar as análises de riscos e os impactos que poderían provocar en España, así como para determinar as posibles medidas de adaptación. De feito, os escenarios de cambio climático son o punto de partida para analizar os posibles impactos e avaliar estratexias de mitigación e de adaptación. Os escenarios de cambio climático deben ir sempre acompañados por unha valoración obxectiva do seu grao de incerteza, que só se pode deducir utilizando un conxunto de modelos climáticos.
Os modelos climáticos permiten realizar proxeccións do cambio climático relacionado coa crecente acumulación na atmosfera de gases de efecto invernadoiro (GEI) e de aerosois emitidos por actividades humanas, e son a única ferramenta de que se dispón para derivar obxectivamente as futuras alteracións do clima que poderían causar as emisións antropogénicas destes. Un modelo climático consiste nunha representación matemática dos procesos que teñen lugar no chamado “sistema climático”, formado por cinco compoñentes: atmosfera, océanos, criosfera (xeo e neve), chans e biosfera.
Entre tales compoñentes prodúcense enormes e incesantes interaccións mediante multitude de procesos físicos, químicos e biolóxicos, o que fai que o sistema climático terrestre sexa extremadamente complexo. Ademais, para realizar proxeccións de cambio climático é preciso dispoñer de estimacións plausibles de como poderían evolucionar as emisións de GEIs e aerosois polas actividades humanas nas próximas décadas (escenarios de emisións).