Skip to main content

ESCENARIOS CLIMÁTICOS

4. ESCENARIOS CLIMÁTICOS REXIONALIZADOS

4.3. Galicia

No caso de Galicia, un probable incremento da variabilidade temporal por efecto do cambio climático, elevará a tensión hídrica e podería provocar unha intensificación dos contrastes espaciais a longo prazo. O mapa da precipitación podería experimentar nas próximas décadas un reaxuste significativo, cunha  sobreexposición do escenario das  Rias  Baixas, o espazo con maiores achegas e  gradiente  pluviométrico, grazas á súa alta exposición aos fluxos do terceiro e cuarto cuadrante.

A complexidade das formas do relevo, cun papel determinante na repartición da precipitación, convida a precisar a través de estudos de simulación, cal será o mapa  pluviométrico que se derive dunha  troposfera máis enerxética, un océano máis cálido e unha variabilidade maior na estacionalidade  pluviométrica, co obxecto de delimitar aqueles territorios que puidesen quedar máis expostos dentro do espazo galego.

Neste sentido, as zonas costeiras, que concentran boa parte da poboación galega, son as máis vulnerables a un posible incremento de fenómenos adversos. O aumento na frecuencia da “marea meteorolóxica”, é dicir, da variación do nivel do mar inducida por fenómenos atmosféricos –presión e vento-, eleva a exposición das zonas costeiras. Non esquezamos que as rexións urbanas galegas máis importantes sitúanse no litoral. O posible incremento de temporais e eventos adversos sobre a costa provocaría serios prexuízos na súa morfoloxía, descensos da superficie de praia seca útil e, por tanto, unha redución da defensa natural da costa. Efectos que serían importantes nos procesos de transporte de sedimentos implicados na viabilidade dos areais e que derivarían en alteracións de diversa índole nos sistemas dunares. Capítulo aparte sería  avaliar os múltiples prexuízos económicos e perdas de equipamentos e bens.  

E por último,  ter en conta que as proxecións de subida do nivel do mar por expansión térmica levaríanos a un aumento da cota de inundación.

A continuación unhas graficas dos escenarios do cambio  climático en Galicia.