Skip to main content

ESCENARIOS CLIMÁTICOS

4. ESCENARIOS CLIMÁTICOS REXIONALIZADOS

4.4. Algúns exemplos de eventos extraordinarios

Na memoria de moitos galegos consérvase o recordo do ciclón  Hortensia que azoutou a costa galega os primeiros días do mes de outubro de 1984. Nesas xornadas, un ciclón de latitudes tropicais comezaba a describir un caprichoso percorrido sobre o Atlántico norte ata quedar absorbido polo fluxo circulatorio zonal de poñente de latitudes medias, transformándose nunha activa borrasca. Os rexistros da época recollen valores superiores aos 40 mm diarios de media e refachos de vento que superaban o 150 km/ h en diversos puntos do litoral  noroccidental. En todo caso, o  record de precipitación en 24 horas, dentro das estacións  principales da rede de  AEMET son os 218 mm recollidos o 14 de outubro de 1987 en Santiago de Compostela

A  cicloxénesis explosiva: Este é un proceso violento de que se produce con relativa frecuencia en latitudes medias. Un fenómeno que se asocia a profundizacións de borrascas en superficie sobre zonas oceánicas abertas do Atlántico Norte. Estes procesos de profundización de baixas presións realízanse en ocasións de forma súbita e explosiva, de tal maneira que a baixa en superficie profúndase en 24-48 horas, outorgándolle o carácter explosivo ao proceso de cicloxénesis. 

Nestas condicións, o tempo en superficie é moi adverso na zona afectada. Afortunadamente, moitas delas desenvólvense no mar, pero outras poden facelo en zonas habitadas do litoral, e mesmo afectando a zonas de interior. Nalgunhas ocasións, os efectos directos de afastadas borrascas moi profundas déixanse sentir a grandes distancias. Máis dunha vez sentíronse en Galicia ondas de 5-7-9 m., xeradas por borrascas intensas e explosivas que se desenvolveron en ámbitos distantes do Atlántico Norte. Galicia sufriu este tipo de fenómenos en datas recentes.

Durante o ano 2010 os valores do índice da Oscilación Ártica alcanzaron mínimos históricos, establecendo un patrón circulatorio caracterizado por unha acusada circulación meridiana que implicou un descenso  latitudinal na traxectoria do tren de borrascas atlánticas. Este descenso en bloque  estableceu unha ampla zona de inestabilidade  baroclínica, dando pé a unha inusual actividade  cicloxenética. Neste contexto circulatorio rexional, durante os días 24-28 de Febreiro de 2010, unha intensa borrasca  extratropical xestouse ao oeste dos arquipélagos de Azores e Canarias, sufrindo un proceso de “ cicloxénesis explosiva”

Precisamente, un elemento precursor moi importante neste tipo de desenvolvementos explosivos constitúeo  a entrada de aire  estratosférico en niveis inferiores, o que, entre outros aspectos, confire ao sistema unha gran  vorticidad potencial. Esta borrasca ou ciclón extratropical bautizouse co nome de “ Xynthia”. Na estación de  Lardeira (1620  m de altitude) en Carballeda de Valdeorras alcanzáronse eses días o 196 km/ h e en case unha decena de estacións da rede de Meteogalicia superáronse o 140 km/ h. Unha situación similar xa acontecera uns días antes coa borrasca  Floora. E en xaneiro do ano anterior a depresión  Klaus azoutaba as nosas costas con efectos similares .

 

Lembrar a todos que a xestión da incerteza impón un cambio de paradigma. Resulta esencial comezar a percorrer o camiño ante os desafíos futuros. Unha estratexia baseada en acomodar  as nosas necesidades aos límites da natureza, adaptando as formas de uso e explotación do planeta desde unha perspectiva  máis xusta e solidaria.