Salta al contenido principal

IMPACTOS DO CAMBIO CLIMÁTICO NOS CONCELLOS

2. Avaliación xeral dos impactos, vulnerabilidades e medidas de adaptación ao cambio climático

2.8. Urbanismo

Segundo Nacións Unidas, as cidades contribúen e vense afectadas polo cambio climático. As cidades son responsables de máis do 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro mundiais  á vez que ocupan só o 2% da superficie da terra. É probable que esta tendencia continúe no futuro e a maior parte do crecemento da poboación terá lugar nas cidades. De feito, máis da metade da poboación mundial vive nestes momentos en cidades e as previsións apuntan a que esta cifra aumente a máis de dúas terceiras partes para 2030.

Ao mesmo tempo, os efectos do cambio climático, como o aumento do nivel do mar e fenómenos meteorolóxicos extremos poden repercutir negativamente na infraestrutura urbana e nas persoas que habitan en asentamentos vulnerables e de maneira máis ampla no crecemento económico.

As propostas de ocupación e distribución no territorio urbano dos distintos usos e actividades -vivendas, equipamentos sociais, actividades económicas, servizos,  infraestruturas, etc.- deben ter en consideración as características actuais e futuras do clima e os efectos do cambio climático, de forma tal que a estrutura e o metabolismo urbano estean plenamente adaptados ás condicións cambiantes do clima. A construción enfróntase a importantes riscos por efecto do cambio climático (danos a materiais e estruturas, maiores custos de mantemento, perdas de valor de activos inmobiliarios, etc.), pero tamén se abren oportunidades a través da introdución de novos materiais e técnicas construtivas, o desenvolvemento de deseños adaptados ás cambiantes condicións climáticas e a adquisición de vantaxes competitivas derivadas  da adaptación ao cambio climático, polo que este sector é un dos ámbitos crave para a adaptación da sociedade.

 

Ver a seguinte infografía: https://www.adaptecca.es/microsites/medio-urbano/