Skip to main content

GUÍA PARA A ELABORACIÓN DE PLANS LOCAIS DE ADAPTACIÓN AO CAMBIO CLIMÁTICO

6. Por qué é importante a adaptación ao cambio climático nos concellos

6.2. Impactos



Que posibilidade temos de vernos afectados por unha ameaza determinada?

A resposta está na avaliación do risco, que é a miúdo representado como a probabilidade de ocorrencia de eventos extremos ou tendencias climáticas (vinculado á ameaza), multiplicada polas consecuencias dos mesmos en caso de producirse (derivadas da exposición e vulnerabilidade).


Incerteza, xestión adaptativa e principio de precaución

A valoración do grao de incerteza non pode ser menosprezada, sendo importante nos procesos de toma de decisións asociados ao cambio climático. Ao analizar a probabilidade de ocorrencia e as consecuencias dunha ameaza climática, tamén podemos incluír entre os factores para a toma de decisións o establecemento de determinados limiares ou límites do noso sistema local, que estarán asociados ao nivel de risco que estamos dispostos a asumir e sempre considerandose o principio de precaución.


Transversalización

Existe unha clara tendencia a integrar a adaptación ao cambio climático con políticas públicas máis maduras relacionadas de forma directa coa resposta a eventos extremos, como son os plans de xestión de riscos e protección civil. Por outra banda, a ordenación do territorio e o urbanismo son sinalados con frecuencia como políticas clave para un despregamento efectivo de estratexias de adaptación, dada a incidencia que teñen no modelo de desenvolvemento local, o seu carácter estructurante e articulador doutras políticas locais. Adicionalmente, a xestión dos efectos do cambio climático (tanto eventos extremos como cambio gradual) está asociada a outras políticas municipais que son o que facer cotián das administracións locais, como o mantemento de infraestruturas e equipamentos, espazo público, parques e zonas verdes, abastecemento de auga, saúde pública, servizos sociais, promoción económica e turismo, etc.

É por tanto evidente a clara vocación transversal da adaptación ao cambio climático, pois o seu despregamento non é autónomo senón que se debe producir integrado noutras políticas municipais. Dita transversalidade pode ser favorecida por determinadas modificacións institucionais e mesmo normativas, esixindo en calquera caso unha axenda de traballo común, unha aproximación interdisciplinar e unhas condicións que favorezan a adecuada gobernanza.


Activos de adaptación

É importante non só identificar a vulnerabilidade dos nosos municipios e as potenciais oportunidades, senón tamén cales das nosas políticas, plans e accións en curso ou planificadas supoñen un punto de partida favorable para despregar a nosa estratexia de adaptación, mellorando a capacidade de resposta e reducindo a sensibilidade ou exposición.


Importancia da acción local no marco da coordinación interinstitucional

É innegable que a acción local é clave para responder de forma adecuada para os efectos do cambio climático, pero en moitos casos está condicionada por cuestións que transcenden do ámbito de actuación municipal desde diferentes perspectivas. Por unha banda, os efectos do cambio climático en ocasións transcenden das fronteiras municipais e por tanto poden requirir da coordinación horizontal entre municipios veciños.

Por outra banda, moitas das políticas municipais están condicionadas por competencias de administracións doutros niveis ou poden ser favorecidas por recursos ofrecidos por institucións deses niveis e, por tanto, tamén requiran dunha coordinación de carácter vertical. Adicionalmente, esa coordinación horizontal e vertical pode ter beneficios desde unha perspectiva de economía de escala na xestión de medidas de adaptación. Exemplo desa necesaria perspectiva de coordinación multinivel pode ser a xestión de abastecemento de auga mancomunada.


Anticipación e co-beneficios

A adaptación ao cambio climático é unha política anticipatoria e, por tanto, de forma implícita persegue xerar aforro a futuro, a través de evitación de danos ou redución de gasto en accións de resposta. Esa perspectiva de anticipación non ha de requirir necesariamente incrementar investimentos actuais, senón reconsideralas, quizais non gastar máis pero si gastar diferente.


É importante actuar agora para aforrar no futuro pois desde un punto de vista económico, está demostrado que é máis efectivo anticiparse e reducir os gastos paliativos, tanto en investimentos privados (recuperación de danos físicos en industrias, custos de aseguradoras, etc.) como públicas (gasto hospitalario, reconstrución de infraestruturas danadas, etc.).

Por exemplo, por cada euro investido en protección ante inundacións, chéganse a aforrar 6 euros evitando os custos derivados dos danos . Ou por exemplo, se para a redución do efecto illa de calor, que pode ser problemático ante a maior frecuencia e severidade de ondas de calor, utilízase a introdución de vexetación e infraestruturas verdes, os beneficios respecto a confort térmico, calidade do espazo público ou conectividade ecolóxica, tamén se producen a curto prazo.

A selección e priorización de medidas de adaptación ha de levarse a cabo considerando non só o custo-beneficio directo, senón os posibles co-beneficios sociais e ambientais a curto e medio prazo. Aínda que é certo que é necesario garantir un mínimo de recursos financeiros, humanos e institucionais para levar adiante as estratexias de adaptación.


Evitar a “mala - adaptación”

É importante considerar, analizar e evitar os posibles efectos negativos cando se implementan medidas de adaptación. É posible que haxa medidas cun claro beneficio respecto a determinados efectos do cambio climático, pero que adicionalmente teñan consecuencias contraproducentes para outros aspectos da sustentabilidade local. Algúns exemplos de “mala - adaptación” poden ser as infraestruturas de protección contra inundacións e subida do nivel do mar que poden perturbar a dinámica natural ou paisaxistica.


Adaptación baseada nos ecosistemas e solucións baseadas na natureza

No contexto internacional de discusión sobre as políticas de adaptación ao cambio climático, percíbese unha clara aposta polas medidas baseadas na integración da natureza en contornas antropizados (urbanos ou rurais). Trátase da posta en valor da natureza e a biodiversidade, implementando accións que utilizan os servizos e funcións dos ecosistemas para facer fronte ao cambio climático.

Algúns exemplos inclúen a diversificación de cultivos, o reforzo das defensas naturais como dunas ou humidais, a restauración de ecosistemas para conservar ou mellorar as reservas de carbono, o control de inundacións e xestión de augas, entre outras.

Os conceptos de “adaptación baseada en ecosistemas” e “solucións baseadas na natureza” están a tomar forza a nivel internacional e especialmente en Europa. Estudos recentes evidencian que as solucións baseadas na natureza poden ser máis eficientes na loita contra o cambio climático que as solucións tecnolóxicas e de enxeñería, tanto no relativo aos seus custos de implementación, investimento e consumo de recursos, como en relación á diversidade dos beneficios que reportan.


A adaptación como oportunidade no marco da economía verde

Como calquera outra política pública, a toma de decisións sobre adaptación ao cambio climático ten unha perspectiva económica. Por unha banda, tal e como se mencionou, asociada ao custo-efectividade das medidas que se desenvolvan, incluíndo o custo do dano ou gasto evitado e mesmo a valoración de co-beneficios.

Pero por outra tamén, as oportunidades asociadas ao desenvolvemento de medidas de adaptación como posible nicho de crecemento económico. Para a identificación do potencial para desenvolvemento de actividade económica que poida desencadear, é necesario analizar non só a efectividade das diferentes opcións de adaptación e os seus custos, senón tamén os posibles co-beneficios xerados tras a implementación das medidas así como novas oportunidades e mecanismos de financiamento.


Non hai fórmulas maxistrais, existen procesos progresivos

A definición de estratexias ou plans de adaptación así como a consecuente implementación de medidas e accións de adaptación, han de seguir unha secuencia pautada e coherente co marco metodolóxico básico que se está configurando a nivel internacional.

A aplicación das metodoloxías realizarase dende unha aproximación flexible, de xeito que poidan ser adaptadas para resultar útiles en distintos contextos e realidades territoriais e institucionais.

En cada caso definirase como é máis oportuno que se produza o despregamento desta nova política, se de forma autónoma, ou asociada á actualización e ampliación do alcance de plans existentes como os urbanísticos, de emerxencias.

Esa aproximación de xestión flexible e adaptativa ha de servir tamén para a definición de follas de roteiro capaces de ser actualizadas no tempo, #ante circunstancias cambiantes e nun contexto de incerteza considerable.