Salta al contenido principal

IMPACTOS DO CAMBIO CLIMÁTICO NOS CONCELLOS

2. Avaliación xeral dos impactos, vulnerabilidades e medidas de adaptación ao cambio climático

2.7. Enerxía e turismo

Previsiblemente, no sector enerxético a produción de enerxía eléctrica en centrais hidráulicas diminuirá, nalgúns casos de forma moi notable, así como o potencial para certos cultivos enerxéticos, mentres que outras fontes de enerxía renovable manteranse (eólica) ou aumentarán lixeiramente (solar). A eficiencia das instalacións diminuirá coas altas temperaturas. Por outra banda, espérase que a demanda para calefacción diminúa, mentres que a correspondente ao aire acondicionado aumente. Os picos máximos de demanda pasarán de inverno a verán. A adaptación do sector enerxético requirirá diminuír a demanda e aumentar a eficiencia enerxética ante a necesidade de reducir as emisións e enfrontarse a un recurso renovable máis escaso.

Os impactos no sector turismo poden ser especialmente relevantes, se se ten en conta que o turismo é unha importante fonte de ingresos na economía española. O cambio climático producirá efectos tanto na estacionalidade do turismo como nas zonas de destino e de orixe dos turistas. Por unha banda, nos destinos, o cambio climático afectará ao propio espazo xeográfico-turístico: a elevación do nivel do mar ameazará tanto ao recurso físico (praias) como a algunhas infraestruturas; a natureza das contornas turísticas cambiará; o aumento das temperaturas modificará as condicións de confort. O índice de confort turístico, que é decisivo para as preferencias turísticas, excederá no verán os límites do desexable en moitas zonas de España. Estes cambios no índice de confort poden conducir a que os turistas prefiran outros destinos ou épocas do ano máis favorables. A adaptación do turismo de costa e praia inclúe a posible compensación de perdas no verán con fluxos noutras épocas do ano, diminuíndo así a estacionalidade no sector. Parte dos perigos sobre as infraestruturas poden reducirse con medidas de enxeñería civil. A perda de atractivo natural nalgúns casos pode compensarse favorecendo o turismo baseado en servizos e en recursos artificiais, que son menos vulnerables aos avatares climáticos que os naturais. A perda de neve pode, temporalmente, compensarse con neve artificial,  por exemplo.